Con sentido do humor, o comité de empresa de Elnosa concentrouse na mañá deste mércores 11 ás portas do Concello de Pontevedra portando caretas do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; dos concelleiros César Mosquera, Agustín Fernández e Carme da Silva ou do presidente da Asociación da Defensa da Ría, Antón Masa.
Avelino García, máximo representante dos traballadores, indicou que a concentración se realizaba coas caretas daqueles que "nos queren ver pechados".
O presidente do comité de empresa de Elnosa indicou que é necesario que o alcalde de Pontevedra acceda a reunirse coa dirección da electroquímica para coñecer o cambio tecnolóxico que proxecta coa intención de permanecer en Lourizán.
Os representantes sindicais sinalan que esta obra non supoñerá cambio algún na actividade da factoría e garantirá o futuro laboral dos traballadores desta empresa en Pontevedra. A vindeira semana volverán concentrarse ante o Concello e teñen solicitada a súa intervención no pleno da Deputación.