Carlota Román aposta por unha pasarela de moda á marxe da Cámara de Comercio

Pontevedra
17 de abril 2013

A concelleira de Promoción económica e Turismo indicou que xa están confirmados 13 congresos antes de fin de ano e que se están pechando outros dous. Agarda que estes eventos acheguen a máis de 22 mil persoas á cidade de Pontevedra

A modelo Marisa Jara na XXVI edición da Pasarela Pontus Veteris
A modelo Marisa Jara na XXVI edición da Pasarela Pontus Veteris / Diego Torrado

Pontevedra contará cunha pasarela de moda "implicando a gente nueva y de la ciudad". Así definiu a concelleira de Promoción económica e Turismo, Carlota Román, o novo proxecto de presentación de roupa que quere promover para a cidade. "La idea es retomar la propuesta de Pontus Veteris pero sin el apoyo económico de aquella pasarela", engadiu e rexeitou a implicación da Cámara de Comercio nesta proposta aínda que si contará coa Escola de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda (Esdemga). Este evento enmarcaríase no mes de setembro.

A concelleira sinalou, ademais, o calendario de congresos e feiras previstas ata fin de ano. Tras Edugal, esta fin de semana chega ao Recinto Feiral o I Salón de Eventos, Vodas e Grandes Celebracións " Si Quero". En maio vai desenvolverse, tamén por primeira vez na cidade, o Salón Nacional do Deporte, a Saúde e a Alimentación "Sportis". Outubro acollerá a segunda edición da feira Ponte Emprego e en novembro o Recinto Feiral será escenario para a I Feira da Cosmética e a Perruquería. No último mes do ano chegará a Feira dos Doces de Convento que se desenvolverá no Mercado de Abastos.

En relación cos Congresos, Carlota Román anunciou que en maio será a Gala do Turismo. O Congreso de Veterinaria chegará a Pontevedra entre o 31 de maio e o 2 de xuño. E ao longo dese mes desenvolverase o Congreso de crecemento persoal Ponte a Punto. Xa en xullo vai celebrarse un Congreso de Arquitectura para deixar paso en setembro ao Festival da Luz. Pecharán o ano Culturgal e ponte na Rede.

Segundo a concelleira se agarda que se pechen outros dous eventos máis. Estimou que todos eles acheguen, como mínimo, a 22.500 persoas á cidade durante 2013 e o orzamento, engadiu, é moi baixo sen chegar a detallar a cantidade.