Carme da Silva comprométese a modificar a lexislación que só beneficia ás grandes empresas

Pontevedra
23 de abril 2019

A cabeza de lista do BNG mantivo un encontro con representantes do pequeno comercio para lembrarlles a importancia de dar voz a Galicia en Madrid. Sinala que a actual normativa pon trabas ás pequenas empresas para prestar servizos ás administracións

Anabel Gulías e Carme da Silva no encontro con pequenos empresarios na Casa da Luz
Anabel Gulías e Carme da Silva no encontro con pequenos empresarios na Casa da Luz / Mónica Patxot

A cabeza de lista do BNG ao Congreso, Carme da Silva, mantivo un encontro con representantes do pequeno comercio de Pontevedra este martes para trasladarlles as iniciativas que o Bloque trasladará de cara ás eleccións xerais deste 28 de abril.

Unha das principais propostas é a de modificar a lexislación actual que está pensada desde Madrid para favorecer as grandes empresas de distribución e de comercialización que limitan as alternativas de contratación real para o comercio local e as empresas de pequeno formato.

Deste xeito, explicou aos empresarios que a recente normativa pon trabas ás empresas de pequenas dimensións para competir coas grandes multinacionais á hora de prestar servizos ás administracións.

Neste sentido, Carme da Silva explicou aos comerciantes que antes do camibo lexislativo os concellos podían optar polo comercio local á hora de afrontar calquera contrato, desde material de oficina, limpeza ou talleres mentres que a actual lexislación o impide.

A tarifa eléctrica é outra das propostas que o BNG quere levar ao Parlamento. Da Silva quere unha tarifa eléctrica galega que resulte un 30% máis econónmica que a vixente, que resulte máis beneficiosa para empresas e para familias. Sinala que malia producir a electricidade se paga a tarifa máis cara do Estado. Por este motivo, os nacionalistas reclaman o mesmo tratamento que xa teñen os vascos cunha tarifa propia.

A candidata do BNG, que participou nesta reunión acompañada do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e da concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías, lembrou tamén que é necesario que o BNG sexa protagonista porque só na súa etapa en Madrid se condicionaron as políticas do Estado respecto a Galicia.

Neste sentido apuntou a que o BNG, segundo todas as enquisas, é a opción política que ten máis posibilidades de disputar directamente ao escano por Pontevedra con Vox e Cidadáns. Carme da Silva entende que "esa dereita é á que quere levar a Galicia 40 anos atrás e hai que porlle freo votando este 28 de abril pensando en Galicia".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora