Carme da Silva fai unha última chamada aos votantes "desencantados" coa política, para que "non se resignen" e voten ao BNG

Pontevedra
08 de novembro 2019

Carme da Silva pide aos votantes "desencantados" coas forzas políticas que non lograron conformar goberno tras as xerais do 28 de abril que "non se resignen" e voten ao BNG. Móstrase optimista porque se se reflicten os resultados do Senado en abril e os das europeas de maio "teríamos unha moi boa representación no Congreso" 

Carme da Silva e Demetrio Gómez na sede do BNG
Carme da Silva e Demetrio Gómez na sede do BNG / BNG

A cabeza de lista do BNG por Pontevedra ao Congreso dos Deputados, Carme da Silva, e o secretario comarcal da forza política, Demetrio Gómez, fixeron este venres balance dunha campaña para as eleccións xerais do próximo domingo 10 se novembro na que a xente lles trasladou "ilusión" e móstranse optimistas coa posibilidade de recuperar representación nas Cortes

Carme da Silva insiste en que o domingo hai "unha segunda oportunidade para que Galicia teña voz" no Congreso dos Deputados e pide aos votantes "desencantados" coas forzas políticas que non lograron conformar goberno tras as xerais do 28 de abril que "non se resignen" e voten ao BNG. 

A candidata nacionalista lembrou que o BNG é unha forza que "só se debe aos intereses de Galicia" e que nesta campaña tiveron o apoio de forzas como Compromiso por Galicia e de persoas independentes e destacadas da sociedade galega que lles deron o apoio explícito. 

Carme da Silva lembrou que estas eleccións celébranse pola "frivolidade e irresponsabilidade" das forzas políticas que "non foron quen de darlle resposta ás necesidades da sociedade" e non lograron conformar goberno tras os comicios de abril polos seus "intereses partidarios" e os seus "egos".

Ademais, sacou peito dos 20 anos de goberno do BNG no Concello de Pontevedra, pois considera que levan dúas décadas demostrando que son " unha forza política seria". "Ese mesmo BNG que converteu a Pontevedra nun referente internacional é o que concorre ás eleccións xerais", insistiu. 

Carme da Silva non quixo entrar en enquisas, pero si lembrou que o pasado 28 de abril o BNG duplicou votos con respecto a 2016, que nas municipais e europeas de maio confirmouse unha tendencia á alza do partido e que se se reflectisen nestas xerais os resultados do votos que se lograron para o Senado e cos que houbo nas europeas "teríamos unha moi boa representación no Congreso".

Ademais, insistiu en que o BNG, como forza política "seria" e que " chega a acordos", estatría disposta a negociar para que tras as eleccións do domingo se poida conformar goberno. Os únicos requisitos que poñería serían cumprir cos intereses de Galicia en asuntos como, entre outros, a trasferencia da autoestrada AP-9 ou coa súa oposición ao feito de que Galicia teña a tarifa eléctrica máis cara cando é produtora de electricidade.

Demetrio Gómez quixo pedir que na xornada de reflexión "quen non teña decidido o voto, que lle dea unha voltiña e pense no que nos xogamos" se Galicia non está representada en Madrid", sostivo Demetrio Gómez, chamando á reflexión dos votantes sobre o feito do que podería supoñer unha nova lexislatura sen voz galega en Madrid. 

O discurso de Demetrio Gómez é optimista, convencido de que "estamos nesa liña de que Galicia pode recuperar a súa voz en Madrid grazas ao BNG". Ese optimismo sácao dunha semana de campaña electoral que tivo multitude de actos en todos os concellos da comarca e que foi "cada vez máis intensa" e cada vez con " máis receptividade". 

Ademais lembra que Galicia merécese ter representación en Madrid e non "outros catro anos de procesión dúas caladiños" en alusión a que nas últimas lexislaturas a representación galega chegaba por un grupo de deputados que  nin falan no nome de Galicia e ás veces mesmo votan contra os nosos intereses" como sucedeu no último proxecto de orzamentos do PSOE e Podemos, que cualifica como os "peores da historia".