Carme da Silva repetirá como cabeza de lista do BNG ao Congreso por Pontevedra

Pontevedra
16 de xuño 2023

O Consello Nacional do BNG deu luz verde ás candidaturas este venres e confirma que a concelleira de Pontevedra repetirá no mesmo posto que nas dúas últimas eleccións xerais, as celebradas en abril e en novembro de 2019.  En canto á candidatura ao Senado, estará encabezada por Duarte Correa Piñeiro

Carme da Silva
Carme da Silva / Mónica Patxot

A concelleira de Pontevedra Carme da Silva repetirá como cabeza de lista da candidatura do BNG ao Congreso para as eleccións xerais do vindeiro 23 de xullo.

O Consello Nacional do BNG deu luz verde ás candidatura este venres e confirma que Da Silva repetirá no mesmo posto que nas dúas últimas eleccións xerais, as celebradas en abril e en novembro de 2019.

Da Silva, membro da Executiva Nacional do BNG, encabeza unha candidatura na que figura como número dous Brais Ruanova, responsable comarcal en Vigo.

O resto da lista está integrada, por esta orde, por: María Ortega, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, Marta Gómez Xunqueira, María Paz Correa e Xosé Manuel Méndez.

Son suplentes: Alexandre Fiuza, Davinia Lojo, Helena Otero, Trinidade Pérez-Labaca Diz, Francisco Vilariño, Oscar del Valle, Sabela Bará, Nuno Galán, Sara Sanmartín e Hugo Domínguez Groba.

En canto á candidatura ao Senado, en Pontevedra estará encabezada por Duarte Correa Piñeiro, con Erea Rei e Alexandre Estévez como primeiro e segundo suplentes. 

No número 2 vai María Xosé García Gómez, con Daniel Rodas e Yasmina Moreira como suplentes. E o tres é para Ramón Nicolás Rodríguez, con Manuela Rodríguez Pumar e Xoán Reices como suplentes.

A líder nacional do BNG, Ana Pontón, deu a coñecer as candidaturas e destacou que son listas de "país" que combinan renovación xeracional con experiencia e traballo acreditado no Congreso.

"Imos a por todas cunhas candidaturas de país porque o noso obxectivo é defender Galiza, facer valer Galiza, darlle unha voz forte á nosa nación para facernos escoitar ante o Estado", sintetizou.

Aínda que considera que "sobran os motivos" para coller a papeleta do BNG o próximo 23 de xullo, Pontón ve dúas grandes motivacións: "para que Galiza teña voz propia en Madrid e para frear en seco un posible goberno da dereita coa extrema dereita machista, e antigalega.

Pontón destacou que o Bloque está preparado para volver facer historia o 23X, cun BNG á alza que non deixa de sumar apoios. "Unha vez máis saímos a gañar, coa máxima ambición e confianza e cun obxectivo claro: conseguir un grupo galego forte en Madrid", destacou.