A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, referiuse este venres á sentenza xudicial que determina que a titularidade dos terreos onde se asenta a cidade infantil Príncipe Felipe corresponde á Comunidade de Montes de Mourente.
A mandataria asegura que acatará a sentenza, pero puntualiza que a entidade que preside recorrerá ata onde sexa necesario. Así mesmo, abriu a porta para negociar cos comuneiros, pero sempre que non esixan un canon "inasumible e inxusto".
Sobre os comuneiros, recoñece a socialista o "dereito a defender o seu patrimonio", pero lamenta que aínda non se dirixiron ao ente provincial para solicitar un encontro coa presidenta, que asegura que os recibirá. "Xa tivemos dúas reunións e podemos ter tres, catro ou as que fagan falta", dixo Silva para pedir despois responsabilidade aos comuneiros aos que lembrou que neses terreos está un centro de menores ou un centro de educación especial.
Afirma Carmela Silva que a Deputación recorrerá a sentenza e, no caso de que se faga firme e a negociación cos comuneiros non chegue a bo termo, "xa veremos que decisión tomamos", resolveu deixando no aire o futuro deste complexo.