Carmela Silva alenta ao alumnado de Caldas a ter "unha posición activa" na loita pola igualdade

Umia
26 de novembro 2019

Ante máis dun cento de estudantes dos centros IES Aquis Celenis, o CPI Alfonso VII e o CPR San Fermín, a presidenta da Deputación de Pontevedra amosou a súa esperanza de que "o século XXI será o século en que academos a igualdade"

Carmela Silva na presentacion da obra "Invisibles" en Caldas de Reis
Carmela Silva na presentacion da obra "Invisibles" en Caldas de Reis / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, alentou este martes ao alumnado de Caldas que asistiu á representación da obra teatral "Invisibles", de Redrum Teatro, a "ter unha posición activa" na defensa da igualdade e contra as violencias e a discriminación que padecen as mulleres.

"Esta obra faravos reflexionar e daravos contidos para defender a igualdade", advertiulles ao comezo da representación no Auditorio Municipal de Caldas, enmarcada na programación cultural da Deputación.

Ante máis dun cento de estudantes dos centros IES Aquis Celenis, o CPI Alfonso VII e o CPR San Fermín, Carmela Silva amosou a súa esperanza de que "o século XXI será o século en que academos a igualdade".

Ademáis a presidenta da Deputación fixo un recoñecemento ás mulleres que están detrás da montaxe de "Invisibles", tanto a autora do libro no que se basea a obra, Montse Fajardo, como a directora teatral Marián Bañobre e as actrices que a protagonizan coa compañía Redrum Teatro (Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez), das que destacou o seu "compromiso coa cultura e os valores fundamentais e dereitos humanos dos que estamos a falar".