Carmela Silva, ao PP: "Nós non somos caciques. Non facemos obras só onde temos intereses"

Pontevedra
30 de novembro 2018

Unha rolda de prensa "simpática". Así describiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a última intervención pública dos deputados do PP que, este xoves, criticaron que o goberno provincial "só vende fume" xa que non ten "obras propias"

Carmela Silva, presidenta da Deputación
Carmela Silva, presidenta da Deputación / Deputación de Pontevedra

Unha rolda de prensa "simpática". Así describiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a última intervención pública dos deputados do PP que, este xoves, criticaron que o goberno provincial "só vende fume" xa que non ten "obras propias".

Tirando de ironía, Silva ofreceuse a darlle aos populares unha "clase maxistral" sobre o funcionamento do Plan Concellos, que deixa en mans dos propios concellos a xestión das obras limitándose a financialas.

"Non somos os papás e as mamás dos alcaldes e alcaldesas da provincia", sinalou a presidenta provincial, que engadiu que a diferenza de gobernos anteriores "nós non somos caciques e non facemos obras directamente alí onde temos intereses desde o punto de vista partidista ou caciquil".

Ese modelo de actuación, que Carmela Silva vinculou co século XIX cando se crearon as deputacións, "non respecta á autonomía dúas concellos", segundo a titular do goberno provincial, nin tampouco a vontade dos veciños que elixiron ás súas corporacións locais.

Grazas a este modelo, segundo a dirixente socialista, "nunca antes se fixeron tantas obras" nos 61 concellos da provincia e "non só" nos gobernados polo PP".

Ademais, Silva asegurou que "é un chiste" que a alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, estivese nesa rolda de prensa. Mostrouse sorprendida que prefira o "modelo Louzán", polo que este concello recibía "cero euros", mentres que agora nel investíronse 3,2 millóns de euros só neste mandato.

A presidenta criticou tamén que o PP responsabilice ao goberno provincial do atraso na execución de obras en diferentes concellos cando son estes, entre eles O Rosal, Mondariz-Balneario, Oia ou Pontecesures, os que pediron prórrogas "porque non foron capaces de facer o seu traballo a tempo".