Carmela Silva ataca os deputados do PP: "Non gañan o diñeiro que reciben da Deputación"

Pontevedra
10 de xuño 2016

A presidenta da Deputación indicou que os deputados populares "non se enteran de nada" en relación ás críticas realizadas por el PP ao denunciar a falta de apoio en relación á Ruta do Viño Rías Baixas

Carmela Silva, presidenta da Deputación
Carmela Silva, presidenta da Deputación / Deputación de Pontevedra
Carmela Silva critica os deputados do PP con motivo da Ruta do Viño /

O Partido Popular criticou a falta de apoio por parte da Deputación á Ruta do Viño Rías Baixas despois de que o actual equipo de goberno non achegara os 70.000 euros que esta entidade asinaba nos últimos anos coa institución provincial.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, foi contundente este venres contra esas críticas dos deputados populares afirmando que "non se enteran de nada". Silva sinalou que se reuniu co sector e os empresarios manifestáranlle as carencias desa ruta. "Dixeron que era un desastre", manifestou e por este motivo, desde o goberno provincial propuxéronse modificar esta ruta a través do Plan Estratéxico do Turismo, que se presentarán despois das eleccións.

"Non gañan o diñeiro que reciben da Deputación", apuntou Carmela Silva ao referirse aos deputados do PP que reclamaban esa axuda por parte da Deputación.

NOVA CONCESIÓN DO SERVIZO DE LIMPEZA

Carmela Silva anunciou que a Deputación está a elaborar o prego de condicións para adxudicar o servizo de limpeza da Cidade Infantil Príncipe Felipe, que actualmente leva a empresa Linorsa. As traballadoras deste servizo anunciaron o inicio dunha folga indefinida por falta de pago.

A presidenta provincial mostrou o seu apoio a estas traballadoras e engadiu que todas quedarán subrogadas na nova empresa á que se lle adxudique o servizo que tentarán que se resolva no menor prazo de tempo, pero que todo depende dos procedementos administrativos.

SENDEIROS AZUIS

Por outra banda, a presidenta da Deputación e o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, asinaron un convenio para a posta en valor da ruta de Sendeiros Azuis, que enlazan praias ou portos con bandeira azul con elementos naturais da contorna. A entidade provincia está a levar a cabo un plan de acondicionamento destas rutas na provincia, cun investimento de 183.333 euros.

Segundo explicou Carmela Silva, queren poñer en valor a ruta "Sendeiro da Calzada", ao longo do río Verdugo, primeiro carreiro azul de interior en toda España. A Deputación inviste máis de 13.000 euros mentres que o Concello achega máis de 3.300. As obras finalizarán nun mes para que se poida aproveitar este espazo natural durante o verán.

A provincia conta con 11 sendeiros azuis. E a Deputación quere desenvolver un programa de posta en valor e acondicionamento, cunha dotación que supera os 183.000 euros, dos que a entidade provincial achega o 80%. Outros carreiros son o de Cabo Udra en Bueu; a Ruta das Praias de Marín ou a senda Bao-Xestelas na Illa de Arousa.

AXUDAS DE EMERXENCIA PARA 53 CONCELLOS

A Xunta de Goberno deste venres aprobaron as axudas a 53 concellos, todos eles con menos de 20.000 habitantes, para que os servizos sociais poidan atender as demandas urxentes de persoas en situación de risco de exclusión social.

A Deputación destina a esta liña de axudas a cantidade de 465.000 euros, dos que 365 serán investidos en axudas ao gasto corrente e, os 100.000 restantes, para investimentos.