Carmela Silva destaca a importancia do “mundo local” na loita contra o cambio climático

Pontevedra
25 de outubro 2021

A Deputación de Pontevedra celebrou este luns o Día Internacional contra o Cambio Climático, cun dobre acto no que a presidenta da institución, Carmela Silva destacou a importancia do "mundo local" nesta loita e ensalzou o "compromiso inequívoco" do Goberno provincial co medio ambiente

Carmela Silva entrega os dispositivos co software para a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos
Carmela Silva entrega os dispositivos co software para a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra celebrou este luns o Día Internacional contra o Cambio Climático, cun dobre acto no que a presidenta da institución, Carmela Silva destacou a importancia do "mundo local" nesta loita e ensalzou o "compromiso inequívoco" do Goberno provincial co medio ambiente. 

Carmela Silva remarcou o papel "referente a nivel estatal" da Deputación neste eido e repasou os principais proxectos que esta administración impulsa como o Plan Revitaliza de xestión de biorresiduos a través da compostaxe, ou na propia mobilidade con Plan Ágora. 

A presidenta tamén insistiu en que "é no mundo local dende onde poderemos loitar contra esta situación. Traballamos en rede cun proxecto común, dialogado, colaborativo e consensuado" e tamén agradeceu o compromiso dos concellos, "que a cada proxecto que propoñemos únense rapidamente".

XESTIÓN DE RESIDUOS DE APARELLOS ELECTRICOS

No primeiro acto, a presidenta da Deputación de Pontevedra fixo entrega dos dispositivos co software para a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos a representantes dos concellos participantes no proxecto ESTRAEE (A Guarda, Silleda, Vilagarcía, Meaño, A Lama, Gondomar, Cangas, Nigrán e Ponteareas).

Estes dispositivos son pioneiros a nivel estatal para a xestión destes residuos nos seus puntos limpos. A iniciativa contou cun orzamento de máis de 2,1 millóns de euros cofinanciados polo FEDER, e estivo liderada pola Deputación xunto a Energylab, Revertia, ERP e Lipor para mellorar o tratamento do lixo electrónico para a súa reutilización, recuperación e reciclaxe.

Este proxecto impulsou a creación de 9 puntos limpos que teñen xa recollido 450 toneladas de residuos que supoñen 2,6 quilogramos anuais por habitante.

SECTOR PRIMARIO

Posteriormente, da man de alcaldes e concelleiros así como de representantes do sector primario da provincia, Carmela Silva visitou a carpa instalada no paseo de Montero Ríos na que se deron a coñecer iniciativas medioambientais que lidera a Deputación como o programa Bosques Terapéuticos ou proxectos de leite e mel ecolóxica, castaña e sidra en colaboración con ASEFOGA, ASELAGA e ODEGA.

Amais de divulgar información, na carpa tivo lugar unha degustación destes produtos ecolóxicos que puideron desfrutar aqueles cidadáns que se achegaron á presentación. Tamén se repartiron bolsas de tea e dispuxéronse produtos de proximidade e ecolóxicos como castañas, mazá, leite, tarros de mel e pequenas botellas de sidra.