Carmela Silva destaca o poder transformador do municipalismo no foro local pola Axenda 2030

Pontevedra
03 de xuño 2022

A presidenta da Deputación abriu o “Foro Galego Local pola Axenda 2030” co que se pecha a acción formativa “Galicia 2030: Programa de Formación e Implantación da Axenda 2030 e os ODS en Galicia” impulsada pola FEGAMP e a UNED

Conferencia de Carmela Silva na inauguración do foro da UNED sobre a Axenda 2030
Conferencia de Carmela Silva na inauguración do foro da UNED sobre a Axenda 2030 / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación vén de marcar o tiro de saída ao “Foro Galego Local pola Axenda 2030”, co que a UNED e a FEGAMP poñen o broche de ouro á acción formativa “Galicia 2030: Programa de Formación e Implantación da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en Galicia”, remarcando o poder transformador do municipalismo e o seu firme compromiso co cumprimento destes obxectivos.

 “Non haberá no 2030 consecución dos ODS sen o compromiso do mundo local que, teña ou non competencias, é quen vai por diante e está a liderar os retos da Axenda 2030. É o verdadeiro protagonista dos cambios, o que ten a capacidade de transformar”, asegurou Carmela Silva na apertura do encontro no que tamén se deron cita o presidente da Fegamp, Alberto Varela, e o director da UNED en Pontevedra, Víctor Manuel González.

A mandataria, quen participou como vogal da Rede de Entidades Locais pola Axenda 2030 da FEMP nomeada polo seu presidente, José Hila, alcalde da Palma, falou do “Valor da acción local na consecución dos obxectivos da Axenda 2030” ante un auditorio da UNED integrado por persoal técnico e responsables políticos de administracións locais galegas. 

Recordou tamén Silva que xa antes da aprobación da Axenda 2030 no ano 2015 “o mundo local estaba implantando iniciativas transformadoras. Somos as administracións da proximidade, as que coñecemos mellor o territorio e o que está a pasar con cada unha das cuestións ás que pretenden dar resposta os ODS”. 

A presidenta tamén quixo felicitar á FEGAMP e á UNED polo seu traballo conxunto para poñer en marcha o “Foro Galego pola Axenda 2030”, “o que exemplifica o ODS 17, as alianzas para lograr os obxectivos, onde temos que estar o sector público, privado, a academia, as ONG, os colectivos sociais e o conxunto da sociedade para acadar as transformacións”, rematou.