Carmela Silva, "encantadísima" coas mulleres que ocuparán tres das catro vicepresidencias do goberno de Sánchez

Pontevedra
10 de xaneiro 2020

A presidenta da Deputación afirma estar satisfeita coa creación de goberno e recoñece que hai moitos retos para este goberno de coalición. Agarda que todos os partidos constitucionais fagan fronte durante a lexislatura ao fascismo que representa Vox

Carmela Silva, presidenta da Deputación
Carmela Silva, presidenta da Deputación / Deputación de Pontevedra

"É hora de deixar de falar de pasado e comezar a falar de futuro", afirma Carmela Silva, presidenta da  Deputación de Pontevedra, ao falar do novo goberno de coalición en España que liderará Pedro Sánchez. 

A máxima representante provincial recoñeceu que está satisfeita de que haxa goberno en España e entende que hai que felicitarse. Encomiou a actitude de Pedro Sánchez durante todo o debate de investidura cualificándoo de "serio, riguroro, contido e con propostas" destinadas a afrontar un cambio de modelo para España. 

Silva mostrouse, en cambio, moi crítica coa oposición conformada polo PP, Ciudadanos e Vox: "avergoñan a calquera que sexa minimamente demócrata", afirmou. A presidenta da Deputación sinalou que estes partidos non realizaron propostas para o país e que só ofreceron tensión, insultos e mentiras. 

Ademais, afirmaba que está "encantadísima" de que haxa catro vicepresidencias no Goberno e tres delas atópense lideradas por mulleres. Tamén destacou a importancia de que haxa unha vicepresidencia dedicada á transición ecolóxica. Recoñeceu que o goberno de coalición enfróntase a moitos retos, entre eles destacou os investimentos que se destinarán ás administracións locais. 

Espera que todos os partidos constitucionais fagan fronte durante a lexislatura ao fascismo que representa Vox e afirmou que este partido esperta todas as alertas cando realizan declaracións facendo chamamentos ao exército.