Carmela Silva enxalza o "altísimo nivel" de investigación e innovación de Hifas da Terra no campo da micoterapia

Pontevedra
03 de novembro 2022

A presidenta da Deputación visitou os laboratorios da empresa pontevedresa guiada pola fundadora de Hifas da Terra, Catalina Fernández, quen lle explicou á mandataria os últimos avances nas súas investigacións

Visita de Carmela Silva ás instalacións de Hifas da Terra Deputación de Pontevedra

"Síntome moi orgullosa de ver que esta provincia conta con empresas moi internacionalizadas, deste altísimo nivel de innovación e investigación", asegurou Carmela Silva na súa visita a Hifas da Terra, na que estivo acompañada polo deputado provincial Manuel González.

A presidenta foi recibida por Catalina Fernández, CEO e fundadora de Hifas da Terra, e Esteban Sinde, director de I+D+i, que explicaron con paixón as múltiples propiedades terapéuticos dos fungos e os proxectos nos que a empresa participa e a están situando como mundial líder en micoterapia.

"Hifas da Terra ten moitísimo futuro, está baseada no territorio, no que somos e en produtos como os fungos que constrúen vida e planeta, provocan benestar e saúde", remarcou a presidenta. Silva subliñou tamén a aposta da empresa pola innovación "con moitos produtos que converten a esta provincia, a Galicia, nunha grande referencia en innovación e na recreación doutro mundo onde a natureza ocupe, de verdade, un espazo importante".

Pola súa banda Catalina Fernández recordou que "levamos 23 anos de historia, investigando e construíndo o mundo da micoterapia, converténdonos nunha referencia mundial". Destacou que "temos levado esta rama da ciencia aos niveis máis altos, situando no Dicionario da Farmacia a palabra micoterapia, que mestura a micoloxía coas terapias, dotando de novas ferramentas terapéuticas aos profesionais da saúde".

Neste sentido, a emprendedora informou que "estamos a participar en ensaios clínicos do máis alto nivel" e camiñando cara a industria farmacéutica "comezando un camiño de purificación molecular, buscando novos antibióticos a partir dos fungos. Soñamos con ser un grande centro de investigación que poida aportar ao mundo novas terapias".

Hifas da Terra é líder internacional no desenvolvemento de produtos naturais destinados á saúde humana baseados en fungos medicinais. Tamén está considerada a biotech máis grande de Europa en investigación e desenvolvemento sobre setas medicinais e única en micoterapia con ensaios clínicos. A empresa aséntase na premisa de que os fungos medicinais teñen numerosos efectos positivos para a saúde humana, con centos de substancias bioactivas. 

Ao longo da súa traxectoria ten recibido numerosos premios como o Premio Alimentos de España como Mellor Produción Ecolóxica en 2016 ou o Premio Cidade de Pontevedra 2012.