Carmela Silva: "Feijóo considera que a oposición do PP é a presidenta da Deputación"

Pontevedra
05 de abril 2019

A presidenta da Deputación alegou unha cuestión médica persoal para desprazar o pleno do venres 26 de abril ao martes 30, ante as críticas dos populares. Silva sinalou que o sindicato CC.OO. e o PP son o mesmo na cidade de Pontevedra

Carmela Silva e Alberto Núñez Feijóo, en San Caetano (arquivo)
Carmela Silva e Alberto Núñez Feijóo, en San Caetano (arquivo) / Xunta de Galicia

O adiamento do pleno ordinario da Deputación previsto para o 26 de abril provocaba a reacción do grupo provincial do Partido Popular. O principal grupo da oposición considera que o traslado ao día 30 tenta silenciar aos traballadores de Ence antes das eleccións xerais previstas para o domingo 28 de abril.

Ante estas acusacións, a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, reaccionaba este venres afirmando que "a min esta xentiña xa me ten farta", en referencia aos deputados do Partido Popular e cualificou de "deplorable" a actitude do grupo conservador.

A continuación sinalou que Comisións Obreiras e o PP son o mesmo na cidade de Pontevedra e na Deputación, para culpar a ambos os dous organismos de ser os organizadores da protesta que obrigou a celebrar o último pleno provincial a porta pechada.

A presidenta sinalou que se aprazou o pleno por vía telefónica como xa sucedera outras veces sen que se rexistrase ningún problema. E avanzou que, ante as queixas do portavoz popular Ángel Moldes, convocou unha xunta de portavoces para este luns 8 onde se aprobará por maioría o traslado do pleno ao día 30 de abril.

Carmela Silva lanzou as súas críticas directamente ao presidente provincial do PP, Alfonso Rueda e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo por situar na primeira liña política á máxima responsable da institución provincial.

"Feijóo considera que a oposición do PP é a presidenta da Deputación, pero non o son", afirmou, para preguntarse por que se concentrou o persoal de Ence ante a Deputación e, en cambio, non acudira ao pleno municipal de Pontevedra. Lembrou que a Deputación carece de competencias en relación coa situación da empresa pasteira.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en