Carmela Silva pide ás entidades financeiras que axilicen as xestións para axudar a familias e empresas

Pontevedra
18 de abril 2020

Nunha carta ás entidades, a presidenta provincial expresa a súa confianza "en que unamos forzas como sociedade para conseguir maior rapidez nas solucións destinadas aos sectores produtivos"

Carmela Silva, presidenta da Deputación
Carmela Silva, presidenta da Deputación / Cristina Saiz

A Deputación de Pontevedra trasladou unha solicitude ás entidades bancarias para que tenten axilizar ao máximo a resposta administrativa e de xestión dos trámites "a fin de que a saída da crise sexa o menos gravosa posible para empresas e familias".

Así o requiriu nunha carta a presidenta provincial, Carmela Silva, na que recolle as demandas de familias, comercio, hostalería ou persoas autónomas, entre outros, "que están a sufrir como nunca unha situación de asfixia económica".

"Todos os sectores produtivos recoñecen abertamente as súas dificultades para xestionar as súas necesidades de carácter económico e financeiro, e a sociedade necesita respostas contundentes das administracións públicas, pero tamén das entidades socio económicas do país", sinala Silva.

Ante esta dificultade, entende a presidenta provincia, a axilización destas tramitacións pode resultar determinante para moitas persoas, polo que apela á  sensibiliad das entidades financeiras nun momento tan incerto como o que provocou o Covid-19.