Carmela Silva, premio #MujeresImparables, reclama no congreso de Rota a recuperación da axenda feminista

Pontevedra
23 de setembro 2022

A presidenta provincial visitou igualmente o Concello de Jerez, onde foi recibida pola alcaldesa Mamen Sánchez e onde asinou no Libro de Honra da institución, recepción oficial que posteriormente tivo tamén no Concello de Rota onde se reuniu co alcalde José Javier Ruiz Arana

Carmela Silva no Congreso de Feminismo da Provincia de Cádiz
Carmela Silva no Congreso de Feminismo da Provincia de Cádiz / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu en Jerez de mans da Asociación Mujeres Imparables o premio concedido pola citada rede profesional de mulleres polo seu traballo en pro da Igualdade.

A presidenta provincial visitou igualmente o Concello de Jerez, onde foi recibida pola alcaldesa Mamen Sánchez e onde asinou no libro de honra da institución, recepción oficial que posteriormente tivo tamén no Concello de Rota, onde se reuniu co alcalde José Javier Ruiz Arana.

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén foi protagonista este venres no Congreso de Feminismo da Provincia de Cádiz onde manifestou que "antes que nada son feminista, tamén son optimista e sei que gañaremos esta loita que é a da metade do mundo, pero estou preocupada porque a axenda política feminista está desaparecida neste momento e temos que recuperala". 

A presidenta provincial compartiu mesa de debate sobre entidades locais e políticas de igualdade, con Silvia Buabent, experta en igualdade e ex directora do Instituto da Muller, e Soledad Pérez, avogada e ex deputada do Parlamento de Andalucía.

Carmela Silva sinalou que "a política local ten sido sempre unha gran impulsora da igualdade e hoxe somos o reduto do feminismo activo e temos que defendelo, promovelo e estar desde o mundo local no centro esixindo a todas as administracións públicas que hai que recuperar con políticas reais e integrais a axenda de igualdade, a axenda feminista".

"Queremos a metade do poder, somos abolicionistas, estamos en contra da mercantilización do corpo das mulleres, e queremos a metade de todo. Esa axenda ten que estar no centro e na Deputación de Pontevedra o está, non hai nada máis importante. Non é palabrería, facemos un traballo transversal", dixo a mandataria socialista. 

Carmela Silva lembrou que "cando unha feminista chega ao poder, con ela chegan todas as mulleres" e indicou que non hai na institución provincial "ningún lugar onde non estean presentes, elas e os seus dereitos".

Previamente ao congreso desta mañá, Carmela Silva mantivo un encontro co presidente da Deputación de Cádiz, Juan Carlos Ruiz Boix, quen trasladou á presidenta provincial o seu recoñecemento pola referencia en igualdade que é a Deputación de Pontevedra.