Carmela Silva quere que a provincia sexa unha referencia na transformación dixital

Pontevedra
13 de xuño 2018

O Pazo Provincial acolleu o evento "Transformación dixital: o futuro converteuse en presente"

Presentación do Smartpeme
Presentación do Smartpeme / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, e ao físico e director executivo do Grupo Barrabes.biz, Luis Martín, presentou este mércores no Pazo Provincial o evento "Transformación dixital: o futuro converteuse en presente", cunha charla impartida por Martín para dar a coñecer os servizos vencellados ao programa Smartpeme e compartir un almorzo de traballo con outras empresas.

Carmela Silva asegurou que se trata dun evento moi importante xa que dende a institución provincial "estamos a traballar para converter á provincia de Pontevedra nun espazo de intelixencia, de coñecemento e de uso das novas tecnoloxías" e tamén apuntou que "queremos que a provincia sexa unha referencia na transformación dixital".

O proxecto desenvolve este ano novas carteiras de servizos co obxectivo de continuar axudando ás empresas da provincia a ser máis competitivas na contorna económica actual.

O programa abre tres novas grandes liñas: o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), no viveiro de empresas de Barro, SmartPeme Impulsa e TurisTIC.