Carmela Silva recomenda ao PP que tome tila porque "están moi nerviosos"

Pontevedra
15 de setembro 2017

A presidenta da Deputación de Pontevedra rexeita manter un encontro con Telmo Martín ao considerar que ela non se reúne con alcaldes nomeados nunha moción de censura encuberta

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recomenda ao Partido Popular que tome infusións e, en concreto, tilas para que acouguen. Indica que os populares se atopan moi nerviosos porque queren recuperar a institución provincial e estanse dedicando a mentir. 

A presidenta provincial realizaba estas declaracións despois de confirmar que non se reunirá co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, porque non vai recibir a ningún alcalde que se nomeara a través de procesos como o realizado na vila turística.

Carmela Silva cualificou este cambio de alcalde como un acontecemento "vergoñoso" propiciado polo vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente provincial do PP, Alfonso Rueda. A máxima representante da Deputación considera que Telmo Martín é alcalde grazas a unha moción de censura encuberta e preguntouse "a cambio de que?". 

E neste sentido, alegou que os populares están a mentir cando a acusan de non reunirse co anterior alcalde Gonzalo Pita durante o seu mandato antes de converterse nun tenente de alcalde e cederlle o cargo a Telmo Martín, do Partido Popular.

A presidenta da Deputación sinalou que se reuniu en media ducia de ocasións con Pita desde o primeiro convenio que asinaron sobre o Pazo de Quintáns. E afirmou que en todos os encontros, o entón alcalde agradecía as intervencións do equipo de goberno provincial asegurando que lle gustaría que todas as administracións públicas fixesen as cousas como se facían desde a Deputación.