Carmela Silva reivindica unha mesa galega de participación pública e privada para "definir que turismo queremos"

O Salnés
22 de decembro 2021

A sostibilidade, o patrimonio e as experiencias como piares fundamentais para a transformación do turismo centraron este martes a xornada organizada polo Clúster Turismo de Galicia en colaboración coa Deputación e que reuniu no auditorio de Cambados a persoas expertas e representantes de primeiro nivel para afondar en cuestións como os plans de recuperación e de sustentabilidade  

Xornada organizada en Cambados polo Clúster Turismo de Galicia
Xornada organizada en Cambados polo Clúster Turismo de Galicia / Deputación de Pontevedra

A sostibilidade, o patrimonio e as experiencias como piares fundamentais para a transformación do turismo centraron este martes a xornada organizada polo Clúster Turismo de Galicia en colaboración coa Deputación e que reuniu no auditorio de Cambados a persoas expertas e representantes de primeiro nivel para afondar en cuestións como os plans de recuperación e de sustentabilidade. 

Na apertura do evento, a presidenta provincial Carmela Silva reivindicou a creación dunha mesa galega de participación pública e privada para "definir que turismo queremos e cales son as iniciativas que hai que poñer enriba da mesa para chegar a el e presentar proxectos conxuntos sen ter que competir". 

Carmela Silva sostivo que "non é o momento de competir senón de xuntar forzas, sumar, de escoitarnos e construír xuntas e xuntos".

Na súa intervención, o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, incidiu en que os fondos Next Generation "van acelerar a transformación do sector e debemos adaptar esa transformación cunha visión aberta e transversal". 

Pola súa banda, a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, incidiu nos bos resultados do sector no concello durante este ano e compartiu as premisas para o turismo do presente e do futuro: "Pola xente estamos a facer un turismo de calidade coidando a sostibilidade".