O histórico Gremio de Mareantes de Pontevedra conta desde este venres cun novo membro honorífico. Trátase de Carmela Silva, presidenta da Deputación, que visiblemente emocionada asegurou estar "orgullosa" de recibir este recoñecemento.
Nun emotivo acto marcado pola cordialidade, a gratitude e a boa sintonía, a entidade agradeceu o apoio e a colaboración "permanente" do goberno provincial coa xente do mar, invitando a Silva a formar parte das antigas tradicións da familia dos mareantes.
Na súa intervención, a dirixente provincial asegurou estar "moi feliz e emocionada" e recordou a historia da súa avoa paterna, Esperanza, orixinaria de Pontevedra como todos os seus antepasados, "dunha zona tan característica como a contorna da praza de touros".
Lembrou como cando era nena a súa avoa lle contaba historias da cidade "seguramente inventadas pero sempre con personaxes de Pontevedra" ou as viaxes que facía desde Vigo para ver a súa familia "que marcaron a miña unión con esta cidade".
"Que pensaría hoxe a miña avoa Esperanza se mirara a súa neta asinando o libro de honra do Gremio de Mareantes?", engadiu Carmela Silva, que destacou o traballo da entidade para mellorar a vida da xente e o patrimonio de Pontevedra.
Antes de recibir a metopa, o pergamiño acreditativo e a medalla do gremio, a presidenta da Deputación plasmou a súa sinatura no libro de honra da entidade.
Ademais deste recoñecemento de carácter persoal, o Gremio de Mareantes nomeou á Deputación de Pontevedra como presidenta de honra, título que compartirá coa Escola Naval de Marín, a Brilat, a Consellería do Mar e a Garda Civil.