Tras a rolda de prensa dos responsables comarcais dos sindicatos CC.OO e UXT, na que reclamaron unha maior vontade de diálogo para resolver a conflitividade laboral no Concello, a edil de Persoal, Carmen Fouces, convidounos a retomar as conversas.
"Negociarei cando queiran, onde queiran e no sitio que mellor prefiran", subliñou Fouces, que recorda que no goberno municipal "levamos 21 mesas agardando" a que os sindicatos comparezan para tratar temas como a estabilización do persoal laboral.
A concelleira recorda que "están enriba da mesa os postos de traballo de vinte persoas que levan moitos anos no Concello e parece que é máis importante o plan de igualdade ou teletraballo que o futuro destes traballadores e traballadoras".
Matiza a edil do BNG que "non cabe dúbida" de que todos os temas teñen a súa transcendencia, pero considera "urxente" abordar o proceso para que o persoal laboral poida converterse en funcionarios mediante un proceso de concurso de méritos.
Esta estabilización das prazas, segundo Carmen Fouces, ten unha "data límite" fixada polo goberno do Estado no próximo 1 de xuño, algo que garante que "o faremos en tempo e forma" con negociación coa parte sindical ou sen ela.
Outra cuestión, advertiu a responsable de Persoal, é o procedemento que se utilice para cubrir esas prazas, que pode ser por concurso de méritos, se se negocia e se publica antes do 1 de xuño, ou por oposición libre se se publica despois do 1 de xuño.
"O Concello nunca se levantou da mesa e agardou pacientemente a que acudiran a negociar", apunta Fouces, que destaca que a estas negociacións só se presentou a CIG.
A pesar da situación, asegura que "seguimos abertos a sentarnos para non perxudicar a unha veintena de traballadoras, a maioría mulleres" aínda que recorda que "o tempo apremia e temos poucos días para facelo".