Carmen García Mateo, primeira reitora da Universidade de Vigo

Pontevedra
15 de maio 2026
Actualizado: 20:29

A candidata de Nós Universidade impúxose a Belén Rubio, representante da corrente H2040. Obtivo o 56% dos votos na segunda volta destas eleccións

Carmen García Mateo, nova reitora da Universidade de Vigo
Carmen García Mateo, nova reitora da Universidade de Vigo / PontevedraViva

A catedrática Carmen García Mateo impúxose a Belén Rubio nas eleccións ao reitorado da Universidade de Vigo, o que a converterá na primeira muller que dirixirá a institución educativa nos seus 36 anos de historia.

A candidata de Nós Universidade, favorita tras a súa contundente vitoria na primeira parte das eleccións á rectoría, logrou o 56% dos votos na segunda volta.

Foi a máis votada en todos os sectores, salvo no sector B (persoal docente e investigador non funcionario). Gañou, ademais, nos campus de Vigo e Pontevedra.

A súa rival, representante da corrente H2040 -a mesma do reitor saínte, Manuel Reigosa-, tívose que conformar co apoio do 44% da comunidade educativa.

"Hoxe falou a Universidade de Vigo. E falou con forza", sinalou García Mateo tras coñecer os resultados. "A comunidade universitaria pedía cambio e hoxe fai realidade ese cambio".

A nova reitora agradeceu a participación de toda a comunidade universitaria, con independencia do sentido do seu voto e destacou que "dende hoxe deixo de ser candidata para ser a reitora de todas as persoas desta universidade".

Recordou que o seu proxecto chamábase Todas as persoas, un proxecto e asegurou que "iso non era un slogan, era un compromiso que empezo a cumprir hoxe".

Carmen García Mateo, nova reitora da Universidade de Vigo
Carmen García Mateo, nova reitora da Universidade de VigoPontevedraViva

Carmen García Mateo (Vigo, 1963) era actualmente catedrática da área de Teoría do Sinal e Comunicacións na Universidade de Vigo e responsable do grupo de investigación en tecnoloxías multimedia.

Doutora en Enxeñaría de Telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid, durante toda a súa traxectoria, García Mateo realizou diferentes estadías de investigación en universidades e centros estranxeiros.

O seu traballo estivo centrado na tecnoloxía da fala en galego e castelán, a segmentación de audio, o recoñecemento biométrico e a detección por voz de enfermidades neurodegenerativas.

Entre os anos 2006 e 2010 xa foi vicerreitora de titulacións e no ano 2014 recibiu o Premio Josefa Wonenburger pola súa traxectoria en ciencia e tecnoloxía. Realizou máis de 150 publicacións en revistas e congresos internacionais.