Carmen Hermo, única candidata para liderar Belas Artes

Pontevedra
17 de xullo 2026

A súa candidatura complétana Carmen Lage, Basilisa Fiestras, José Andrés Santiago e Marcos Covelo. Someterase  á votación da Xunta da Facultade o luns 27 de xullo

Carmen Hermo
Carmen Hermo / Mónica Patxot

A profesora do departamento de Debuxo Carmen Hermo encabeza a única candidatura ao decanato da Facultade de Belas Artes, poñendo fin ao segundo mandato do profesor Xosé Manuel Buxán á fronte do centro.

A candidatura da actual secretaria académica da facultade complétana Carmen Lage, Basilisa Fiestras, José Andrés Santiago e Marcos Covelo. Someterase á votación da Xunta da Facultade o luns 27 de xullo.

Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca e doutora pola Universidade de Vigo, Hermo destaca o "nivel de traballo e compromiso" do seu equipo.

Trátase, subliña, dun equipo de "xente nova, implicada, que traballa moi ben e cunha metodoloxía moi efectiva", que tratará aproximarse ás novas xeracións do alumnado.

Tras a aprobación definitiva da candidatura o vindeiro venres 24, someterase á votación dos 37 integrantes da Xunta da Facultade, debendo alcanzar máis votos a favor que en contra.

Entre os eixos principais da súa proposta destaca "a convivencia" e converter a facultade nun lugar "apracible e interesante".

Neste sentido, sinalou que a convivencia tamén ten implicacións "no plano da igualdade e no plano do propio edificio", recoñecendo as limitacións do antigo cuartel de San Fernando, obrigando a abrir o debate sobre considerar unha nova sede que sirva tanto a Belas Artes como a Deseño.

Hermo propón abrir o debate coa nova reitora sobre posibles localizacións, como a parcela de Tafisa. Mentres tanto, incide na importancia de por acometer melloras nas instalacións actuais.

A visibilidade da facultade na cidade e no contexto cultural galego é outro dos obxectivos da súa candidatura, coa intención de reforzar o seu papel como espazo de formación do "futuro da cultura" en Galicia.

O proceso electoral porá fin á etapa de máis de seis anos de Xosé Manuel Buxán, quen asumiu o decanato en 2019 e revalidouno en 2023.

No seu balance, o actual decano en funcións destaca a consolidación da facultade no ámbito cultural e a posta en marcha do Máster en Creación Artística Contemporánea, á vez que recoñece como retos pendentes a mellora do edificio e a falta de consenso para renovar o plan de estudos do grao.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora