A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitaba este xoves o Instituto de Secundaria Sánchez Cantón. Alí mantivo un encontro co profesorado e cos estudantes de segundo de Bacharelato que seguen, de forma voluntaria, as clases de maneira presencial desde o pasado 25 de maio.
Segundo os datos facilitados pola Xunta de Galicia, ao redor do 45% do alumnnado deste curso acode a clase diariamente. A conselleira animou tanto a estes estudantes como aos que seguen as clases desde as súas casas a que continúen estudando e esforzándose neste tramo final de curso de cara ás probas de acceso á universidade.
Carmen Pomar agradeceu o traballo que durante estes últimos meses realizaron, tanto os docentes como os estudantes, equipos directivos e as familias para que continuase a formación e a actividade lectiva desde o fogar, sobre todo, nos días do inicio do confinamento.
Ademais, a máxima responsable da Educación en Galicia realizou unha visita ás instalacións do Sánchez Cantón para comprobar as medidas que se adoptaron nos diferentes espazos atendendo ao protocolo sanitario.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.