Carmen Uhía Martínez, Raia de Ouro 2023 pola súa traxectoria vinculada á venda tradicional de peixe

Sanxenxo
26 de abril 2023

Desde o Concello sinalan que se trata dunha traballadora incansable que, con apenas 10 anos, percorría descalza o municipio cunha patela sobre a cabeza chea de peixe. Será recoñecida nun acto que se celebrará o luns 1 de maio ás 12.30 horas na Casa Mariñeira de Don Fernando

Carmen Uhía Martínez, Raia de Ouro 2023
Carmen Uhía Martínez, Raia de Ouro 2023 / Concello de Sanxenxo

Carmen Uhía Martínez, peixeira referente en Portonovo de 99 anos, será recoñecida este ano coa Raia de Ouro do Concello de Sanxenxo pola súa "longa traxectoria vinculada á venda tradicional de peixe".

Desde o Concello sinalan que se trata dunha traballadora incansable que, con apenas 10 anos, percorría descalza o municipio cunha patela sobre a cabeza chea de peixe. Será recoñecida nun acto que se celebrará o luns 1 de maio ás 12.30 horas na Casa Mariñeira de Don Fernando.

"Levabamos do peixe que houbera e chegara á lonxa de Portonovo: Sardiñas, xurelos, fanecas... De luns a domingo iamos ata Vilalonga andando, facíamos unha parada no Vinquiño e logo seguiamos. Eran outros tempos!", recorda. 

Nesa época, cando chegaba á casa tiña que atender os fillos e, segundo a tempada, ir ás leiras. O seu marido era mariñeiro no mar e ela, en terra. “Se querías ter un peso había que traballar”, asegura. 

Unha sobriña abriulle a posibilidade de ir con ela vender á praza de abastos de Pontevedra e aí xubilouse. Lembra que "vendía moito e gustábame o trato educado coa xente. Aínda recordo como as clientas dicían: Cómpralle a Carmen que o peixe dela parece que medra na tixola. Sempre lle botaba algún peixiño de regalo".

Aos seus 99 anos conta cunha memoria privilexiada e unha boa forma física. Non perdoa o seu paseo polas mañás ata Montalvo coa súa amiga Lola e reza o rosario "de cabeza". O seu secreto pode ser a ausencia de lácteos na súa dieta ou no anaquiño de pan despois de cada comida como sobremesa.

O premio colleuna por sorpresa e non cre que mereza "nin unha raia de ouro nin de prata". Refraneira e retranqueira, Carmen chegará o luns a recoller o seu premio precedida polos Gatiños de Portonovo á Casa Mariñeira de Don Fernando. Alí agardará a súa familia, fillos,netos, bisnetos e tataraneta e tamén os seus veciños e amigos.