Un éxito de asistencia que desbordou todas as previsións.
Así foi este domingo o concerto infantil do grupo Pica Pica na carpa Poio Máxico.
Era unha das citas destacadas da programación do Nadal e non defraudou, coa carpa a rebordar nun espectáculo que contaba con entrada gratuíta.
Non en balde trátase dunha agrupación que xira internacionalmente que conta con máis de 10 millóns de subscritores en Youtube.
O trío formado por por Belén, Nacho e Emi ofreceu un show repleto de bo humor, música e baile para toda a familia.

Unha cita que serviu de quecemento para o que se vivirá estes días coa visita dos Reis Magos, con dobre parada en Poio.
Este luns 5 de xaneiro teñen previsto percorrer pola mañá as diferentes parroquias e as Aldeas de Nadal, finalizando a xornada cunha recepción real ás 18.00 horas na carpa Poio Máxico.
En canto á cabalgata, celebrarase o martes día 6 de xaneiro ás 18.00 horas na contorna da Seca.