"Carpetazo final" ao crematorio proxectado en San Amaro

Pontevedra
24 de xaneiro 2022

Así o destacou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías. Tras caducar a licenza de construción hai unhas semanas, agora ese mesmo trámite seguiu o proxecto de urbanización paralela que lles esixía o Concello

Cemiterio de San Amaro
Cemiterio de San Amaro / Mónica Patxot

Un dos proxectos de crematorios que máis balbordo e preocupación xeraran en Pontevedra, o que impulsaba Funespaña nas inmediacións do cemiterio de San Amaro, recibiu o "carpetazo final" desde o punto de vista administrativo.

Así o destacou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías. Tras caducar a licenza de construción hai unhas semanas, agora ese mesmo trámite seguiu o proxecto de urbanización paralela que lles esixía o Concello.

Para poder construír ese crematorio, Funespaña debía adquirir unha serie de terreos próximos ao cemiterio e abrir un novo vial para facilitar a mobilidade na zona.

Tras comprobar que a compañía non realizou movemento algún para comprar esas parcelas, os técnicos municipais decidiron abrir de oficio un expediente de caducidade desta actuación que, tras os trámites pertinentes, materializouse nos últimos días.

Aínda que a empresa funeraria presentou alegacións a este expediente de caducidade, o Concello desestimou os recursos presentados pola compañía e deu firmeza a esta decisión administrativa que, na práctica, frea este polémico proxecto.