Para o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, as carreiras ilegais detectadas no polígono do Campiño "non son feitos illados", nin nesta nin noutras áreas industriais da provincia, polo que advertiu que continuará a presión policial sobre elas.
Así o anunciou tras a reunión de coordinación celebrada este venres para analizar os resultados dos operativos de control que se realizaron nos últimos meses sobre estas carreiras ilegais protagonizadas, na súa inmensa maioría, por condutores novos.
Nesta reunión participaron o capitán Antonio Piteira e o sarxento primeiro Jorge García da Garda Civil; a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, e o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, quen trasladara ás autoridades constantes queixas por estas quedadas.
Os responsables de Tráfico explicaron os pormenores desta operación, na que se mobilizou un número importante de axentes durante varios fins de semana e utilizáronse medios técnicos diversos, entre eles un dron da Garda Civil.
Froito deste traballo policial son as 96 denuncias presentadas por condución temeraria, realizar carreiras, condución baixo os efectos das drogas ou o alcol ou exceso de velocidade. Algunhas delas constituirán, ademais, delitos contra a seguridade viaria.

"Temos queixas e evidencias de que se seguen producindo este tipo de quedadas entre grupos de condutores novos para queimar roda e realizar todo tipo de imprudencias, como carreiras a toda velocidade", subliñou Losada.
O subdelegado, no entanto, diferenciou as quedadas rexistradas no Campiño e A Reigosa, que teñen un compoñente máis espontáneo, das dos outros polígonos da provincia, xeralmente convocadas por redes sociais.
Ninguén debe esquecer, engadiu Abel Losada, "que estamos a falar de seguridade viaria e que con este tipo de operacións evítanse situacións perigosas e mesmo se salvan vidas".
A este respecto, indicou que está documentado pola Garda Civil de Tráfico que, ocasionalmente, as carreiras ilegais que se realizaban dentro do Campiño prolongábanse polas estradas próximas, especialmente pola EP-0004 entre A Reigosa e Marcón
O alcalde de Ponte Caldelas explicou que viña recibindo queixas das empresas asentadas no polígono e agradeceu que se traballou "dunha maneira tan efectiva" sobre os participantes nestas quedadas, evitando máis danos nos viarios da zona e situacións de perigo.