Casamentos civís a mancheas na segunda fin de semana de setembro en Pontevedra

Pontevedra
10 de setembro 2023

Despois da fin de semana da Feira Franca chegou a fin de semana que se pode denominar "das vodas civís en Pontevedra" con dez celebracións no Concello: catro oficiábanse o venres e seis durante o sábado, cinco delas mediadas polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores

Voda civil oficiada polo alcalde de Pontevedra este sábado 9 de setembro
Voda civil oficiada polo alcalde de Pontevedra este sábado 9 de setembro / Concello de Pontevedra

Despois da fin de semana da Feira Franca, a segunda fin de semana de setembro chegou cargada de celebracións matrimoniais. Entre o venres e o sábado desenvolvéronse dez vodas civís no Concello de Pontevedra.

O venres celebrábanse catro casamentos e o sábado a cifra alcanzou as seis vodas.

Na xornada maratoniana do sábado 9, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores oficiaba cinco unións matrimoniais e o portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, unha.

Desde o goberno local indican que se trata duns días de "especial actividade neste eido" e o propio alcalde facía referencia nas súas redes sociais sobre estas cerimonias desexando "sorte a todas estas parellas non que a vida lles garda por diante".

Para casar no Concello de Pontevedra hai que realizar unha solicitude a través do rexistro presentando unha fotocopia do DNI das persoas que contraen matrimonio e de dúas testemuñas maiores de idade, que deberán estar presentes durante a cerimonia; relación de datos de matrimonio civil, expedida polo Rexistro Civil; e pagar unha taxa de 81,73 euros.