Case 2 millóns de euros da Deputación para facer fronte á crise do coronavirus

Pontevedra
11 de abril 2020

Os 52 concellos da provincia de Pontevedra de menos de 20 mil habitantes xa teñen á súa disposición os case dous millóns de euros da Deputación de Pontevedra, correspondentes ás primeiras medidas activadas polo goberno provincial para facer fronte á crise do COVID-19

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra /

Os 52 concellos da provincia de Pontevedra de menos de 20 mil habitantes xa teñen á súa disposición os case dous millóns de euros da Deputación de Pontevedra, correspondentes ás primeiras medidas activadas polo goberno provincial para facer fronte á crise do COVID-19.

Trátase dunha Liña de Axudas Extraordinarias dun importe de 1,3 millóns de euros que se suman ao adianto dos 500.000 euros solicitados polos concellos para as axudas de emerxencia. Nestes momentos, tres deles están a cumprimentar a documentación e poderán ter a notificación a próxima semana.

Así mesmo, a estas dúas liñas súmase tamén o adianto do financiamiento do Plan Concertado de Servizos Comunitarios Básicos e o SAF, por 2,4 millóns de euros, que agora mesmo están a tramitar para os concellos que o solicitaron, de momento son 49 dos 52.

Con esta inxección económica por parte da Deputación, os concellos poderán financiar as necesidades básicas da cidadanía coa compra de alimentos, material de protección e desinfección, así como gastos de asistencia en combustible ou o aluguer de vehículos para levar a compra de alimentos e medicinas aos domicilios das persoas maiores e en risco, especialmente ás que viven soas.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrou a súa satisfacción ante a acollida das medidas e "orgullo da resposta dos concellos que, ademais de estar en primeira liña de loita contra o COVID-19, seguen traballando a pesar das dificultades para conseguir todas as axudas posibles para os veciños".

O obxectivo destas medidas do goberno provincial é inxectar liquidez de maneira eficaz e case inmediato aos municipios máis pequenos.