Case 300.000 euros para reformar a estrada de Bueu que une Portela con Ermelo

Bueu
24 de novembro 2018

A Deputación de Pontevedra aprobou o proxecto para a reforma da estrada provincial EP-1306, entre Portela e Ermelo, dentro do termo municipal de Bueu. Ten un orzamento de case 300.000 euros e un prazo de execución de seis meses

Estrada EP-1306 entre Portela e Ermelo, en Bueu
Estrada EP-1306 entre Portela e Ermelo, en Bueu / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra aprobou o proxecto para a reforma da estrada provincial EP-1306, entre Portela e Ermelo, dentro do termo municipal de Bueu. Ten un orzamento de case 300.000 euros e un prazo de execución de seis meses.

A actuación, que abrangue 2.873 metros de vía, dende o punto quilométrico 1+100 ata o seu final no 3+973, é mellorar a seguridade viaria. Reformarase a plataforma da vía coa pavimentación da traza existente dentro do dominio público viario e sen ocupar máis terreos. 

Levantarase todo o firme actual en mal estado cun fresado e aplicaranse diferentes emulsións asfálticas, regos de adherencia, mesturas bituminosas e microaglomerados que garantirán a seguridade da nova plataforma.

Por último realizarase o pintado das marcas de sinalización horizontal, liñas lonxitudinais, cebreados, símbolos e frechas, entre outros; e a instalación de nova sinalización vertical.

O treito no que se intervirá presenta unha sección duns sete metros que carece da capa de rodadura superior, polo que o firme presenta deficiencias derivadas da circulación de vehículos pola capa intermedia do firme, tales como fendas, a chamada 'pel de crocodilo' e tamén importantes fochancas. 

Esta actuación na estrada provincial fora solicitada polo alcalde Félix Juncal ao deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, nas diferentes reunións nas que se trataron as necesidades do viario da Deputación dentro do termo municipal.

No primeiro treito da vía xa se instalaran medidas de calmado de tráfico grazas ao Plan Móvese.