Case 75.000 euros para renovar a cuberta da Igrexa de San Salvador

A Lama
11 de maio 2023

A Xunta de Galicia licitou esta obra que, nun prazo de dous meses, resolverá as patoloxías máis urxentes do edificio para garantir o uso cultural que ten na actualidade

Igrexa de San Salvador na Lama
Igrexa de San Salvador na Lama / Google

A Xunta de Galicia sacou a licitación a renovación da cuberta da igrexa de San Salvador na Lama cun investimento de preto de 75.000 euros, segundo informa a administración autonómica.

Este xoves aparecía publicado o inicio do proceso administrativo na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia. 

Con esta intervención resolveranse os problemas máis urxentes do edificio provocados polo paso do tempo. A intención da Xunta é que se garanta o actual uso cultural que mantén o inmoble.

O proxecto inclúe a reparación dos danos na cuberta coa retirada da tella e dos materiais que compoñen os depósitos para, a continuación, retirar as placas de fibrocemento en mal estado.

Por último, instalaríanse novas placas, impermeabilizante e láminas asfálticas para, a continuación, establecer a nova tella coa renovación do sistema de evacuación de augas con bajantes de zinc.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Tui-Vigo para poñer ao dispor do executivo galego os terreos e inmobles necesarios para realizar estas obras de conservación.