'Castrodona', a parodia que venceu no multitudinario desfile de Entroido en Vilagarcía

O Salnés
05 de marzo 2025

Ata 500 disfraces percorreron as rúas da cidade, coa música, o baile e a sátira como grandes protagonistas. A máis aplaudida, a parodia sobre o novo Mercadona aos pés do xacemento arqueolóxico

Desfile de Entroido en Vilagarcía
Desfile de Entroido en Vilagarcía / Concello de Vilagarcía de Arousa

Miles de persoas animaron Vilagarcía nun espectacular desfile de Entroido que non deixou indiferente a ninguén.

Ata 500 disfraces percorreron as rúas da cidade onde a música, o baile e a sátira foron as grandes protagonistas.

A parodia Castrodona, que protagonizou o colexio A Escardia de Vilagarcía, fíxose co premio máis cuantioso da edición: 1.300 euros. Un espectáculo con performance e música sobre a apertura do novo Mercadona aos pés do xacemento arqueolóxico.

Dentro dos grupos grandes (máis de 20 participantes), o segundo posto foi para Trazos Festival de Redondela, que foi premiado con 800 euros polo orixinal dos seus traxes. O terceiro foi para Feria Fantasía, tamén de Vilagarcía, que gañou 500.

Nos grupos de menos de 20 participantes os gañadores foron: Galácticos na rúa (Meis), 800 euros; Lego la Comparsa (Vilagarcía), 500 euros; e Os pintamonas (Pontevedra), 300 euros.

En canto aos disfraces en parella, os gañadores na categoría adulto foron: As rápidas de pontequieto (Campo Lameiro), 150 euros; Criaturas de entroido (Pontecesures), 100 euros e O regreso de Mary Poppins (Vilagarcía), con 75 euros.

Na categoría infantil: As Sargadeliñas (Pontevedra), 150 euros; As pitonisas do Shein (Caldas), 100 euros e Piratas do Caribe (Vilagarcía), 75 euros.

Na categoría individual adulto, os vencedores foron Unha embarazada sufrida (Cuntis), 100 euros; Peter reparte zanahorias (Moraña), 75 euros; y Tubos Marchosos (Vilagarcía), 50 euros.

Na individual infantil soamente houbo dúas participantes, quedando en primeiro posto A volta ao mundo (Pontevedra), 100 euros e Nayra de Motunui (Vilagarcía), con 75 euros.

O premio á mellor animación foi para Alicia en Vilagarcía, que obtivo 500 euros. Destacou pola súa enerxía e a implicación dos seus bailaríns, ademais de que contou con música en vivo.

A mellor carroza foi a de Os chimpavasos, que tamén recibirán 500 euros.

Por último, destacou a ampla participación de choqueiros, que animaron o ambiente e mantiveron viva esta tradición. Por este motivo, foron premiadas seis persoas, que recibirán diferentes cantidades en función do disfrace ata un máximo de 500 euros.