A antiga casa cuartel da Garda Civil de San Xurxo de Sacos xa forma parte do catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.
O Diario Oficial de Galicia recolle que esta inclusión vén motivada polo seu notable valor cultural.
No seu informe, os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural destacan a autenticidade desta construción de mediados do século XIX pola súa singularidade, xa que se corresponde cunha primeira tipoloxía das casas cuarteis da Garda Civil destinada á función militar da institución e a uso residencial da vida doméstica das familias residentes. Tal e como se destaca na resolución, trátase dun conxunto de tres edificacións conectadas e complementadas con outras auxiliares que foron reformadas en varias ocasións, desde o ano 1857 até o cesamento do seu uso en 1980.
Este tipo de edificación ten un gran valor testemuñal como mostra dunha arquitectura representativa e de control do Estado centralista decimonónico e como casa de veciños organizada militarmente na que convivían a institución á que representa e a vida doméstica das familias residentes. Neste sentido, o valor cultural do inmoble expresase a través dos restos das construcións que se conservan, especialmente nos elementos de pedra elaborados con distintas técnicas tradicionais, que responden a edificacións concretas que se integran no contorno rural. Ademais, este inmoble enténdese como parte dun sistema territorial compartido co resto das casas cuartel que ocuparon a totalidade da xeografía do Estado durante os séculos XIX e XX.
Actualmente está abandonada e permanece en mal estado, conservándose pouco máis que os muros de pedra, tanto os que pechaban os distintos volumes da edificación, como algún interior e os de peche da parcela e de contención de terras. Tamén se conservan algúns elementos pétreos, como diversos alicerces, arranques de escaleiras, fonte, lavadoiro, etc., pero parte destes muros atópanse parcialmente derrubados e en mal estado de conservación, o que ameaza coa súa derrube total.

PONTE DE PEDRE
Por outra banda, o Concello de Cerdedo-Cotobade vai sacar a licitación polo procedemento de urxencia as obras de restauración do sillar da ponte medieval de Pedre, situado sobre o río Lérez, en Serrapio, que tamén está incluído no Catálogo de Bens Culturais de Galicia.
O propio alcalde, Jorge Cubela, anunciou que a Consellería de Cultura xa autorizou a restauración do alicerce sueste da ponte que sufriu un desprendemento en xaneiro de 2023.
A actuación incluirá a limpeza da vexetación e a retirada de árbores nunha franxa de 20 metros desde a ponte, augas arriba e augas abaixo. Contémplase a talla de 50 árbores de distinto tamaño e a roza e limpeza manual, ademais da extracción e provisión da terra vexetal na contorna inmediata da ponte e no perímetro do tajamar sueste.
Recuperaranse os sillares do leito do río que se atopan no contorno do tajamar e analizaranse para determinar a súa procedencia. En paralelo, procederase á retirada dos sedimentos no interior dos ollos da ponte.
O Concello e a Consellería de Medio Rural sufragarán esta intervención.