Catorce concellos cambian de nome: De Cerdedo Cotobade sen guión a O Campo Lameiro

Cerdedo Cotobade
30 de marzo 2026
Actualizado: 17:50

Non serán os únicos cambios, xa que ao longo de todos os niveis das entidades de poboación aprobouse a modificación de 2.530 denominacións de parroquias e lugares

Vista de Campo Lameiro
Vista de Campo Lameiro

Ata catorce municipios galegos van mudar a súa denominación. Así será despois de que a Xunta de Galicia aprobara o novo nomenclátor de 2026.

Entre os afectados están Cerdedo Cotobade e Mondariz Balneario, que perderán o guión; O Campo Lameiro, que engadirá o artigo ao nome; Cangas de Morrazo, que elimina o "do"; ou A Caniza, que perde o Ñ co que se lle coñecía ata o de agora.

Non serán os únicos cambios, xa que ao longo de todos os niveis das entidades de poboación aprobouse a modificación de 2.530 denominacións de parroquias e lugares.

Todo este traballo para estudar a toponomía galega foi realizado por un órgano asesor composto polo goberno galego, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e institucións como o Instituto Padre Sarmiento ou a Universidade de Santiago.

Os novos topónimos poden consultarse no Portal da Lingua, no da Real Academia Galega e en Toponimia de Galicia.

Con estes cambios, segundo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o goberno autonómico cumpre coa súa responsabilidade na "salvagarda da nosa identidade" a través do mantemento e recuperación dos nomes históricos dos lugares que existen en Galicia.

Así, destacou que se recuperar as formas que foron substituídas ao longo do tempo por outras denominacións "alleas á lingua galega".

Neste senso, os criterios a seguir baseáronse na etimoloxía, na documentación histórica, na tradición gráfica consolidada nos últimos dous séculos e no uso oral e escrito que fai a veciñanza do topónimo en cada un destes lugares.

Tamén se tivo en conta o respecto pola forma dialectal de cada lugar e, ademais, tratouse de emendar os erros detectados fundamentalmente no relacionado co uso dos artigos.