Catorce toneladas de residuos menos nos fondos da ría de Arousa

O Salnés
13 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A confraría de pescadores e mariscadores de Cambados, en colaboración co proxecto Plancto que impulsa a Obra Social de Afundación, retiraron este lixo das zonas onde este sector realiza a súa actividade diaria

Residuos retirados no porto de Tragove, Cambados Afundación

A confraría de pescadores e mariscadores de Cambados, en colaboración co proxecto Plancton que impulsa a Obra Social de Afundación, retirou preto de catorce toneladas de residuos nos fondos da ría de Arousa, concretamente nas zonas onde este sector realiza a súa actividade diaria.

En decembro de 2022 instalouse no porto de Tragove un contedor que se baleira periodicamente. Dado o resultado da iniciativa, confraría e entidade bancaria renovaron a súa colaboración e actualmente continúan con esta acción.

Desde entón ata o de agora completáronse ata dez contedores que cifran esas catorce toneladas de lixo.

Durante a recollida adóitanse atopar útiles de pesca como restos de cabos, cordas, redes, boias, nasas, ou defensas de embarcacións que se extravían, pero tamén é habitual recoller outros residuos como toallas hixiénicas, envases de plástico, latas, botellas de vidro, briks, envoltorios, calzados e pezas téxtiles.

Plancton é unha iniciativa de sustentabilidade de Abanca e  Afundación para promover entre todos os sectores sociais unha actuación responsable para garantir os recursos existenes sen poñelos en risco para futuras xeracións.