Catro auxiliares incrementarán a presenza policial en Poio durante o verán

Poio
02 de xullo 2021

As parroquias de máis afluencia turística son Combarro e Raxó, onde incrementa a poboación nun 50%. Deste xeito, está previsto aumentar a presenza policial de axentes nesas zonas para supervisar tamén o cumprimento das restricións na hostelería

Presentación dos auxiliares na Xefatura da Policía Local de Poio
Presentación dos auxiliares na Xefatura da Policía Local de Poio / Mónica Patxot

Poio contará a partir deste veres cun reforzo para a Policía Local durante os meses de verán grazas á incorporación de catro auxiliares de policía que colaborarán nas funcións de atención e vixilancia á cidadanía.

Luciano  Sobral, alcalde de Poio, durante a presentación dos axentes sinalaba que este reforzo será importante para asumir o incremento de traballo que se rexistra no municipio durante os meses de verán, ao aumentar tamén o número de visitantes e os eventos festivos e deportivos. Debido á situación, os auxiliares colaborarán tamén no control e cumprimento das restricións sanitarias.

O Xefe da Policía Antonio Duarte e a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, acompañaron ao alcalde durante esta presentación. Caldas sinalou que os auxiliares permitirán reforzar o servizo todos os días nunha patrulla, incluíndo tamén os domingos e outros festivos.

Ademais, durante o verán e as xornadas festivas, a Policía Local realizará quendas nocturnas para reforzar todos os eventos que se desenvolven no municipio. Durante o verán as parroquias que asumen un incremento maior de turistas son Combarro e Raxó, cun aumento dun 50% da poboación. Precisamente, nestes puntos será onde os axentes realicen un maior número de accións de supervisión do cumprimento das restricións sanitarias no sector da hostalería. 

Segundo indican desde a Policía Local de Poio, hai un número importante de hostaleiros que chaman para solicitar unha inspección e que se verifique que realizan a actividade de maneira correcta.