Unha violenta liorta entre dous grupos de mozos de arredor de 25 anos rexistrouse na tarde deste martes 3 de xuño na praza de Barcelos de Pontevedra, con resultado de tres persoas feridas por arma branca e catro detidos.
Segundo fontes municipais, unha testemuña que se atopaba na praza alertou do enfrontamento a unha patrulla policial que estaba pola zona.
Ao chegar ao lugar, os axentes da Policía Local atoparon dúas persoas con feridas importantes producidas por arma branca e unha terceira con feridas de carácter leve, mentres que os supostos agresores fuxiran da zona.
Testemuñas presenciais que se atopaban no parque infantil relataron que o incidente comezou cando un grupo de mozos se achegou a outro que xa estaba na praza.
"Comezaron a retarse. En medio da discusión, un dos mozos sacou un coitelo cun mango amarelo e apuñalou a un no estómago e despois nas costas", explicaron as persoas que presenciaron os feitos.
Segundo fontes policiais, a vítima que máis danos sufría tiña coiteladas por todo o corpo, cunha das feridas graves no costado. O segundo presentaba feridas na ingua, de carácter menor.
Durante o forcexo, os agresores tamén ocasionaron feridas con coitelo a outro mozo, de carácter leve, antes de fuxir do lugar.
Tras activar un dispositivo de busca, os catro presuntos autores da agresión foron localizados e detidos na rúa Aduana.
Durante a intervención, os axentes da Policía Nacional incautaron un coitelo que aínda presentaba restos de sangue e que presumiblemente foi utilizado na agresión.
As dúas vítimas con feridas de maior consideración foron trasladadas ao Hospital de Montecelo, mentres que o terceiro ferido, de carácter leve, quedaba pendente do seu traslado ao mesmo centro hospitalario.
Segundo aclarou o Concello de Pontevedra, todos os implicados resultaron con feridas durante a liorta, pero os detidos presentaban lesións moi leves que non precisaron traslado urxente a un centro hospitalario.
Polo momento, descoñécense as causas que motivaron este violento suceso.
A zona quedou acordoada e efectivos da Policía Local e da Policía Nacional que permaneceron recompilando datos sobre o sucedido.
Segundo fontes da Policía Nacional, as tres vítimas son de orixe magrebí e os catro detidos, colombianos, que pasarán a disposición xudicial como presuntos autores dun delito por tentativa de homicidio.
As autoridades manteñen aberta a investigación para esclarecer os feitos e determinar as circunstancias exactas do ocorrido na céntrica praza pontevedresa.
A primeiras horas da noite, segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, unha das tres persoas ingresadas permanece en estado reservado e foi trasladada ao Hospital de Santiago.
Un segundo ferido continúa en estado grave ingresado no Hospital Montecelo en Pontevedra e o terceiro ofrece un prognóstico leve.