Catro homes de entre 76 e 86 anos, novas vítimas da covid-19 en Pontevedra

Pontevedra
27 de xaneiro 2021

Estas catro persoas tiñan patoloxías previas, segundo explicou o Servizo Galego de Saúde. Con elas, os falecidos por covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés elévanse a un total de 105

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Cristina Saiz

Sanidade comunicou este mércores catro novos falecementos por covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. É a maior cifra nun mesmo día. Iso si, as autoridades aclaran que non todos faleceron nas últimas 24 horas.

De feito, das catro vítimas mortais tan só unha, un home de 76 anos que faleceu no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, morreu durante a xornada de hoxe.

Os outros tres falecidos que confirmou Sanidade, tres homes de 77, 79 e 86 anos, perderon a vida onte martes 26 de xaneiro. Non formaron parte do reconto oficial ata que Saúde Pública confirmou que morreran polo coronavirus.

Estas catro persoas tiñan patoloxías previas, segundo as autoridades sanitarias. Con elas, os falecidos por covid-19 na área sanitaria elévanse a un total de 105.

Ademais destes catro mortos en Pontevedra, Sanidade comunicou o falecemento doutras 25 persoas que foran diagnosticadas con coronavirus. Todas con patoloxías previas.

Sete faleceron no hospital da Coruña. Son catro homes de 61, 66, 77 e 88 anos e tres mulleres de 88, 90 e 58 anos, esta última procedente da residencia Pai Menni de Betanzos. Outros tres foron en Santiago, dúas mulleres de 87 e 84 anos e un home de 74 anos.

No hospital de Ourense perderon a vida catro pacientes, unha muller de 90 anos, un home de 60 anos, unha muller de 92 anos procedente da residencia Quercus de Leiro e un home de 92 anos que fora ingresado desde a residencia DomusVi de Bande.

Un home de 60 anos que faleceu no Hospital Álvaro Cunqueiro e dúas mulleres de 85 e 90 anos, que estaban ingresadas en Povisa, son as tres vítimas que estaban hospitalizadas na área sanitaria de Vigo.

A tráxica listaxe desta xornada complétase con oito falecidos en residencias, catro na residencia DomusVi de Carballo, tres mulleres de 83, 86 e 97 anos e un home de 77 anos; un home de 84 anos na residencia Stella Maris de Nigrán, unha muller de 83 anos na residencia da Pastoriza (Lugo) e unha muller de 96 anos na residencia Quercus de Leiro.

Unha muller que perdeu a vida na súa casa da Laracha (A Coruña) o pasado 22 de xaneiro é a vítima 29 que Sanidade confirmou este mércores.

Con todos estes falecementos, os mortos por covid-19 en Galicia son xa 1.688.