Catro novas vítimas rexistrábanse nas últimas horas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, segundo os datos ofrecidos pola Consellería de Sanidade.
Tres das mortes producíanse no Hospital Montecelo. Trátase de dúas mulleres, de 83 e 95 anos, e un home de 80, que falecían este mércores nas instalacións do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Ademais, no Hospital do Salnés tamén se rexistraba a morte doutro home de 80 anos de idade.
Con este novos catro falecementos, a cifra de vítimas desde o inicio da pandemia ascende a 151 pacientes na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Desde que comezou o plan de continxencia covid-19 curáronse 11.061 pacientes, segundo os datos que manexa o Servizo Galego de Saúde (SERGAS). A anterior vítima por covid-19 en Montecelo rexistrárase o luns coa morte dun home de 56 anos sen que presentara patoloxías previas
En todas estes pacientes rexistrados nas últimas horas notifícase a existencia doutras enfermidades previas á infección polo virus.
GALICIA
No resto de Galicia, segundo a Consellería de Sanidade, neste mércores rexistráronse outras cinco mortes. Todos estes pacientes tamén contaban con patoloxías previas.
No Hospital Lucus Augusti de Lugo falecía unha muller de 96 e un home de 84; unha muller de 65 anos perdía a vida no Complexo Hospitalario da Coruña; un home de 90 anos, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e unha muller, de 93 anos, falecía no centro integrado CEGADI, procedente dunha congregación relixiosa.
Con estas nove mortes rexistradas polo SERGAS durante este mércores, o número de falecementos en Galicia desde o inicio da pandemia ascende a 2.205 pacientes.