Catro persoas resultaron feridas de diversa consideración este sábado pola noite nunha colisión frontal entre dous turismos rexistrada na estrada N-550, á altura do municipio de Vilaboa, segundo informou o Concello de Pontevedra.
O aviso mobilizou aos Bombeiros do Parque Municipal de Pontevedra pouco antes do nove da noite, ao ter coñecemento dun accidente de tráfico con varias persoas atrapadas no interior dos vehículos. O sinistro produciuse entre os puntos quilométricos 129 e 130 da estrada nacional N-550.
Segundo os datos facilitados, no accidente víronse implicadas catro persoas, das que tres ocupaban un dos vehículos e unha viaxaba no outro turismo.
Como consecuencia do impacto, os ocupantes sufriron politraumatismos de distinta consideración, sendo o seu estado avaliado no lugar polos equipos sanitarios do 061.
Os labores de rescate estiveron condicionados pola necesidade de esperar a chegada dos medios sanitarios antes de iniciar as tarefas de excarceración.
Unha vez presentes os efectivos médicos, os bombeiros comezaron a liberación dos ocupantes atrapados nun dos vehículos.
Posteriormente, coa incorporación de efectivos do parque comarcal, levou a cabo de forma coordinado a excarceración das persoas atrapadas no segundo turismo implicado na colisión.
Ás 21:31 horas, o Concello de Pontevedra informou de que os bombeiros do parque municipal deron por finalizada a súa intervención no lugar do accidente. No entanto, os efectivos do parque comarcal permaneceron na zona para continuar coas actuacións necesarias.
A xestión do tráfico e a investigación das circunstancias do sinistro corresponden á Garda Civil, ao tratarse dun tramo da rede viaria da súa competencia.
Polo momento non transcenderon máis datos sobre a identidade dos feridos nin sobre as causas que provocaron a colisión frontal.