Catro persoas feridas nunha colisión entre dous turismos na N-550, ao seu paso por Vilaboa

Vilaboa
20 de xuño 2026
Actualizado: 21:49

Como consecuencia do impacto, os ocupantes sufriron politraumatismos de distinta consideración

Accidente de tráfico en Vilaboa

Catro persoas resultaron feridas de diversa consideración este sábado pola noite nunha colisión frontal entre dous turismos rexistrada na estrada N-550, á altura do municipio de Vilaboa, segundo informou o Concello de Pontevedra.

O aviso mobilizou aos Bombeiros do Parque Municipal de Pontevedra pouco antes do nove da noite, ao ter coñecemento dun accidente de tráfico con varias persoas atrapadas no interior dos vehículos. O sinistro produciuse entre os puntos quilométricos 129 e 130 da estrada nacional N-550.

Segundo os datos facilitados, no accidente víronse implicadas catro persoas, das que tres ocupaban un dos vehículos e unha viaxaba no outro turismo.

Como consecuencia do impacto, os ocupantes sufriron politraumatismos de distinta consideración, sendo o seu estado avaliado no lugar polos equipos sanitarios do 061.

Os labores de rescate estiveron condicionados pola necesidade de esperar a chegada dos medios sanitarios antes de iniciar as tarefas de excarceración.

Unha vez presentes os efectivos médicos, os bombeiros comezaron a liberación dos ocupantes atrapados nun dos vehículos.

Posteriormente, coa incorporación de efectivos do parque comarcal, levou a cabo de forma coordinado a excarceración das persoas atrapadas no segundo turismo implicado na colisión.

Ás 21:31 horas, o Concello de Pontevedra informou de que os bombeiros do parque municipal deron por finalizada a súa intervención no lugar do accidente. No entanto, os efectivos do parque comarcal permaneceron na zona para continuar coas actuacións necesarias.

A xestión do tráfico e a investigación das circunstancias do sinistro corresponden á Garda Civil, ao tratarse dun tramo da rede viaria da súa competencia.

Polo momento non transcenderon máis datos sobre a identidade dos feridos nin sobre as causas que provocaron a colisión frontal.