Os case 500 metros cadrados de superficie da praza Méndez Núñez, en Portonovo, terán moi pronto unha nova imaxe. A súa remodelación ten un prazo de execución de cinco meses.
Nela, o goberno municipal de Sanxenxo investirá 112.849 euros. O 70% dese diñeiro será financiado polo Plan Hurbe da Xunta de Galicia e 30% restante, polo Concello.
A empresa Castro Figueira será a responsable desta actuación.
Esta praza, xerada polo cruzamento de tres viarios, contará con catro plataformas totalmente horizontais que conectarán de forma directa a Rúa da Marina coas vivendas e locais de restauración situados neste espazo.
Estas plataformas crearanse con muros de contención de formigón e con acabados de lastra de granito cor gris.
A actuación eliminará o tráfico no tramo que coincide coa praza, para conectar de forma directa o novo espazo horizontal coas edificacións existentes. A circulación manterase na Rúa da Marina como prolongación da travesía de Santa Catalina.
Co obxectivo de realizar unha praza agradable para a estancia e goce do espazo, haberá bancos, xerados a través do muro de contención de formigón, pequenos xardíns con céspede e flores que incluirán especies arbóreas para xerar sombras.