Catro rutas animan a partir do 6 de xullo a 'Recoñecer Bueu'

Bueu
27 de xuño 2025

Os percorridos arrancarán o 6 de xullo co 'Sendeiro do litoral I' e repetirán o 26 de xullo e o 3 e o 23 de agosto. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse de balde no 611080853

Presentación das rutas 'Recoñecer Bueu 2025'
Presentación das rutas 'Recoñecer Bueu 2025' / Concello de Bueu

O programa de rutas 'Recoñecer Bueu' regresa este verán organizado polo Concello de Bueu e a Asociación A Illa dos Ratos

A iniciativa inclúe diversos percorridos que pretenden poñer en valor a historia e a cultura dalgúns espazos da vila.

Carmen García, concelleira de Cultura de Bueu; Isabel Quintás, tenente de alcalde; e Óscar Rodríguez, da asociación A Illa dos Ratos, presentaron esta edición 2025 este xoves. 

O programa comezará o próximo 6 de xullo cunha ruta titulada 'Sendeiro do Litoral I' e continuarán o 26 de xullo con 'Ermelo, o berce do Morrazo', o 3 de agosto con 'Massó, a orixe' e o 23 de agosto con 'Intermareal de Agrelo'.

Todas elas arrancarán ás 10 horas da mañá e precisan inscrición previa de balde no whatsapp do teléfono 611080853, cun límite de 35 persoas por ruta.

Óscar Rodríguez indicou que o obxectivo é que "as persoas poidan coñecer dende un enfoque natural, cultural e etnográfico os diversos lugares de Bueu".

Carmen García destacou a “gran diversidade e atractivo destas rutas tanto para as persoas de Bueu como para as que nos visitan”.

O Sendeiro do Litoral I partirá do Porto de Beluso, onde se reflexionará sobre o impacto ambiental que tivo a construción do seu dique dende o ano 2001, coñecendo aspectos interesantes da antiga salgadura de A Roiba e da Casa Molezún, unha edificación icónica da zona que cando a marea está alta semella emerxer do mar, sen esquecer a praia de Tuia dende onde se pode ver o arquipélago de Ons.

Na de Ermelo poñerase en valor a importancia histórica deste núcleo a través dunha viaxe no tempo, e partirase do Concilio II de Braga, onde xa se falaba deste lugar como o “berce do Morrazo”.

'Massó, a orixe', unha das máis agardadas, contará a historia da conserveira Massó dende a chegada de Salvador Massó Palau a Bueu en 1816, pasando polo resto da familia Massó, con especial atención á evolución da súas actividades industriais, primeiro de salgadura no "Almacén do Rei" e logo da conserva en "La Perfección" e na moderna fábrica de Bueu inaugurada en 1926, ata o peche das fábricas e fin da saga. 

A Intermareal de Agrelo percorrerá o entorno natural no que se atopan as praias de Loureiro, Agrelo e Portomaior, o cal se caracteriza por unha gran biodiversidade e riqueza natural. Nesta ruta visitaranse as pozas da zona intermareal da praia de Agrelo.