As organizacións sindicais CIG, CCOO, STEG e CSIF veñen de acordar a convocatoria de novas mobilizacións, accións de protesta e dúas xornadas de folga entre o profesorado galego e o conxunto da comunidade educativa.
As catro organizacións sindicais farán público este calendario de protestas o vindeiro luns 31 de agosto.
Nunha nota de prensa adiantan que as dúas xornadas de folga coincidirán co inicio do curso escolar nas diferentes etapas educativas en protesta pola "imposición unilateral dun protocolo que supón unha irresponsabilidade na xestión dos centros educativos afectados polo documento elaborado pola Consellaría", manifestan.
Estas mobilizacións serán unha continuidade das xa realizadas o pasado mes de xullo, cando foi anunciado o protocolo de seguridade que a Xunta adoptará de cara ao inicio do curso escolar.
Así mesmo, consideran os sindicatos que, transcorrido un mes dese anuncio, "a situación sanitaria empeorou claramente no noso país e a Consellaría non se moveu das súas intencións de asumir como criterio de actuación o custo cero" e por este motivo cren necesario continuar coas súas protestas.