A deputada nacional Cayetana Álvarez de Toledo, unha das voces máis recoñecibles do Partido Popular no Congreso, visitará Pontevedra para participar nunha charla-coloquio que promete abrir debate.
O encontro celebrarase o venres 28 de novembro, ás 19:30 horas, na Sala Zennet, e xirará arredor dalgúns dos temas máis candentes da política nacional.
A secretaria xeral do PP pontevedrés, Pepa Pardo, foi a encargada de anunciar a cita, organizada baixo a lema "Reconstitución".
Segundo explicou, Álvarez de Toledo centrará a súa intervención no que o partido define como un "ataque frontal" do Goberno de Pedro Sánchez ao réxime constitucional de 1978, así como un "ataque furibundo" á separación de poderes.
Pardo sostén que determinadas decisións do Executivo "poñen en risco o Estado de dereito para dotarse de impunidade e evitar a alternancia política".
O acto enmárcase nos días previos á celebración do Día da Constitución, polo que a charla pretende reivindicar a vixencia da Carta Magna e o seu papel como garante de convivencia e liberdade.
Pepa Pardo insistiu na "necesidade de preservar o marco constitucional ante os desafíos actuais".
Segundo a concelleira pontevedresa este encontro con Cayetana Álvarez de Toledo representa unha oportunidade para reflexionar sobre a situación institucional do país.
O PP de Pontevedra convida a todos os cidadáns a asistir e participar neste "espazo de reflexión e debate".
"A nosa Constitución e a nosa democracia deben ser defendidas, especialmente en momentos nos que consideramos que están en perigo", subliñou Pardo.