CC.OO. anima os bolseiros da Deputación a demandar canto antes por irregularidades no contrato de prácticas

Pontevedra
17 de xaneiro 2019

José Ramón Piñeiro, secretario comarcal de Comisiones Obreras, indica que hai 240 bolseiros nesta situación e reclama a Deputación que corrixa o problema transformando o persoal de prácticas irregular en traballadores indefinidos, que se inclúan na Relación de Postos de Traballo

Representantes de Comisiones Obreras durante a rolda de prensa
Representantes de Comisiones Obreras durante a rolda de prensa / PontevedraViva
Denuncia de Comisiones Obreras sobre as prácticas laborais na Deputación /

"O que se demostra cos becarios é que están facendo un traballo de persoal laboral encuberto", afirma José Ramón Piñeiro, secretario comarcal de Comisiones Obreras (CC.OO.), ao referirse á situación das persoas que se encontran no plan de prácticas laborais da Deputación Provincial.

Piñeiro arremeteu contra a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, indicando que os datos que manexan desde o sindicato proceden da Inspección de Traballo porque os servizos da Deputación se negaron a facilitarlles estes datos. "Iso significa que algo queren ocultar", apuntou o máximo representante comarcal de CC.OO.

Desde esta central sindical alertan de que hai 240 persoas que se ven afectadas polas bolsas provinciais e que, segundo denuncian, realizan tarefas de persoal laboral en lugar de estar formándose. Din en Comisiones Obreras que a Inspección de Traballo converteu en contratos indefinidos as situacións laborais de ata 38 destes bolseiros que denunciaron e por iso invitan a que todas as persoas que se encontren nesta situación presenten canto antes unha demanda ante o Xulgado do Social ou a Inspección de Traballo para que vexan recoñecidos os seus dereitos.

Piñeiro esixe á Deputación que dea exemplo e corrixa este problema transformando o persoal en prácticas irregulares en traballadores indefinidos, que aparezan incluídos na Relación de Postos de Traballo. Ademais, politicamente, piden á presidenta provincial que recoñeza unha "moi deficiente actuación" por parte da Deputación en relación con este tema.

José Luis García Pedrosa, secretario de organización comarcal de CC.OO., afirmaba pola súa parte que quen decidiu iniciar esta campaña de contro foi directamente o Ministerio de Traballo con aquelas administracións nas que se detectaban unhas posibles actuacións "de fraude" e por iso analizou a situación da Deputación Provincial e da Universidade de Vigo.

García Pedrosa eleva a 178.000 euros, segundo os datos da Inspección Laboral, a cantidade que a Deputación debe retribuír á Seguridade Social ao detectarse que 38 prácticas son contratos laborais.

Comisiones Obreiras presentará denuncia ante Inspección de Traballo para que se realicen visitas en todos aqueles lugares nos que aínda non se comprobou a situación de bolseiros dependentes da Deputación e ademais realizará unha campaña de asesoramento para o persoal que se encontre nesta situación, que entenden irregular.