CC.OO. ataca o PP polo recurso ás "pagas extra"

Pontevedra
06 de decembro 2012

A sección sindical de CC.OO. do Concello de Pontevedra considera o recurso un ataque desmesurado e premeditado do PP aos acordos suscriptos dentro do ámbito de negociación colectiva

Congreso comarcal de Comisións Obreiras
Congreso comarcal de Comisións Obreiras / PontevedraViva

A sección sindical de CC.OO. no Concello de Pontevedra considera que "a actuación do PP e especialmente de Jacobo Moreira anunciando a presentación dun recurso ao pagamento dun complemento de produtividade aos traballadores do Concello supera todos os límites da ética política". Así o manifesta o representante sindical Antonio Millares, quen considera "vergonzosa a campaña continuada no tempo contra os traballadores do Concello".

Nun escrito sinala que non vale que o portavoz municipal do PP, Jacobo Moreira, manifeste a gran profesionalidade do equipo municipal porque "as palabras non se cobran na nómina de final de mes". No duro comunicado indícalle que "fraude de lei tamén é cobrar un bo soldo público e dedicarse a labores partidistas nun ámbito que supera o municipal, mesmo en moitas ocasións para defender posturas en contra dos intereses da cidade" e continúa sinalando que non queremos negarlle ao PP os seus dereitos de denuncia, opinión e acción, pero non podemos seguir permitindo que utilicen os acordos de negociación colectiva para realizar un ataque "preeiro" e "incendiario" contra os traballadores do Concello, e por outra parte xustifíquense acordos similares noutros gobernos locais e autonómicos por ser do PP ou de partidos afíns".

O representante de CC.OO. afirma que os soldos dos traballadores do Concello pontevedrés están moi por debaixo da media galega e iso permite que as arcas municipais conten cunha boa economía. O escrito finaliza nos seguintes termos: "somos conscientes de que unha parte moi importante da poboación está a pasar momentos moi difíciles, por iso denuncien o que teñan que denunciar e se preocupen de xerar postos de traballo e activar a economía local".