O secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, reclamaba este venres a Ence outra actitude para a xestión da planta de biomasa. Neste sentido, reclamaba maior flexibilidade por parte da dirección á hora de aceptar as propostas que poidan realizar os alcaldes da contorna de Pontevedra e non pecharse a contemplar a ubicación da planta unicamente en Lourizán, como manifestou a empresa.
"Ence ten posicións maximalistas", afirmaba García Pedrosa.
O representante sindical afirma que tamén é necesario saber o rendemento e o custo económico que lle supoñería á empresa a construción da planta noutro punto.
García Pedrosa indicou que nestes momentos a actividade sindical atópase en plena efervescencia porque se está a negociar o convenio colectivo da fábrica desde hai máis dun mes e o luns constituíase a comisión negociadora do comité de oficinas.
Nesta negociación, segundo apuntou o sindicalista, non se terá en conta a garantía da continuidade da empresa e manterase unha liña similar á dos anteriores convenios colectivos porque Ence non sufriu as consecuencias da crise e os beneficios son parecidos aos dos últimos anos. Será unha negociación dura, apuntaba García Pedrosa.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.