CC.OO. critica a falta de flexibilidade de Ence para buscar novas localizacións para a planta de biomasa

Pontevedra
17 de marzo 2017

O secretario comarcal de Comisiones Obreras, José Luis García Pedrosa, entende que a empresa pasteira debe ser menos maximalista nas súas propostas de cara ao futuro

José Luis García Pedrosa, Secretario Comarcal de Comisións Obreiras Mónica Patxot

O secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, reclamaba este venres a Ence outra actitude para a xestión da planta de biomasa. Neste sentido, reclamaba maior flexibilidade por parte da dirección á hora de aceptar as propostas que poidan realizar os alcaldes da contorna de Pontevedra e non pecharse a contemplar a ubicación da planta unicamente en Lourizán, como manifestou a empresa.

"Ence ten posicións maximalistas", afirmaba García Pedrosa.

O representante sindical afirma que tamén é necesario saber o rendemento e o custo económico que lle supoñería á empresa a construción da planta noutro punto. 

García Pedrosa indicou que nestes momentos a actividade sindical atópase en plena efervescencia porque se está a negociar o convenio colectivo da fábrica desde hai máis dun mes e o luns constituíase a comisión negociadora do comité de oficinas.

Nesta negociación, segundo apuntou o sindicalista, non se terá en conta a garantía da continuidade da empresa e manterase unha liña similar á dos anteriores convenios colectivos porque Ence non sufriu as consecuencias da crise e os beneficios son parecidos aos dos últimos anos. Será unha negociación dura, apuntaba García Pedrosa.